Sunday 05 de May de 2024

Presentación do libro Loanzas sentidas e outros poemas, de Xoán Xosé Fernández Abella


O próximo venres 25 de xaneiro, ás 20:30 h, no auditorio do Museo Valle-Inclán, será a presentación do libro Loanzas sentidas e outros poemas, de Xoán Xosé Fernández Abella.

O autor recitará versos do libro acompañado de Pilar Sampedro e da música de Miro Casabella e Manoele de Felisa.

Xoán Xosé Fernández Abella, recoñecido poeta galego, nado en Monforte de Lemos, crítico dende as premisas do cristianismo, presentará o libro máis extenso do xénero da poesía galega dende o século XIII.

Celso Emilio Ferreiro definiu un dos seus libros como a mellor musa satírica da Galiza no século XX.

No libro de poemas que presentará, prologado polo escritor e académico Xesús Alonso Montero, non escasean as páxinas de denuncia contra as persoas poderosas inxustas e maila sátira contra as falcatruadas das xentes gobernantes e gobernadas. Pero tamén predominan os poemas de loa ás xentes xustas, que exerce a súa xustiza nun mundo e nun tempo onde quen impón a súa lei son as inxustas.

Nesta ladaíña de eloxios hai nomes moi coñecidos e recoñecidos de escritoras e escritores, escultores, pintores, debuxantes, cantores, músicos, persoas loitadoras, pedagogas, mártires, heroes, deportistas e amizades, como poden ser Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Nelson Mandela, Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Victoriano García Martí, Siro López, Iker Casillas, Messi, Xavi….

Ademais, versos de loanzas dedicadas á lingua galega.

Intervirán: Xoán Xosé Fernández Abella, autor do libro; Genoveva Hermo Santos, concelleira da Cultura e da Educación da Pobra do Caramiñal; Pilar Sampedro, dinamizadora cultural; e Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán.

A entrada será libre ata completa-la cabida.